Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Fene mellora a accesibilidade á Torre III de San Valentín


Durante esta mañá desenvolvéronse en San Valentín os traballos de tala de dúas das palmeiras que hai diante da Torre III do barrio, como paso previo ao ancheado da vía de saída do aparcadoiro situado ao seu carón. O obxectivo da actuación é mellorar a fluidez do tráfico neste punto, pero tamén ofrecer mellores condicións de accesibilidade ao inmoble e, en especial, favorecer o estacionamento de vehículos de emerxencias sen que a circulación quede interrompida. Esta actuación irá acompañada, ademais, da reposición de bancos e papeleiras noutros lugares do barrio.

Os bloques centrais de San Valentín son os máis altos e tamén os máis populosos do barrio. Ademais, os arredores da Torre II e III son quizáis os que máis vehículos teñen ao seu arredor, debido á proximidade do economato de Navantia e da oficina de Abanca. Boa parte dese tráfico estaciona no aparcadoiro que hai diante da Torre II que, porén, ten unha saída de sentido único pasando por diante da Torre III, onde se encontra a oficina bancaria e tamén outros pequenos negocios.

Segundo o Goberno local, nese punto é habitual que se produzan pequenos taponamentos por causa de vehículos que paran para facer algún recado, a pesar de que esta conexión coa Avenida da Cooperación se encontra marcada en ambas marxes con liñas amarelas. O executivo sinala, por outra banda, que a actual configuración desta parte da rúa tamén dificulta o paso e parada de vehículos de emerxencias, como é o caso de ambulancias que atenden habitualmente as necesidades de residentes do bloque III de avanzada idade e con problemas de mobilidade.

Así as cousas, o Concello decidiu solventar o problema dándolle máis ancho á parte central da vía, de maneira que sempre quede paso libre para o tráfico de saída do aparcadoiro. Para iso foi necesario talar dúas das palmeiras situadas diante da torre que, ademais, daban sombra nos andares inferiores e mesmo chegaban a tocar a fachada do edificio. A corta dos dous exemplares -que xa fora demandada pola veciñanza en varias ocasións- efectuouse esta mesma mañá e está previsto que nos próximos días se acometan as obras de ancheado da vía.

Máis obras no barrio
Xunto con estes traballos, o Concello tamén contratará en breve a reposición de sete bancos distribuídos por distintos puntos do barrio, acompañada da substitución de papeleiras. Neste sentido tamén forma parte da carteira de obras a reparación completa do parque infantil da praza 10 de Marzo, para o que xa había un proxecto deseñado antes de que un temporal o estragase o ano pasado. Os efectos do mal tempo levaron ao consistorio a redefinir o programa de obras de maneira que agora o espazo se converterá nunha zona verde dotada de arborado, bancos e mesas de xogo.